Restaurante España
Restaurante España
Lugo
Se decidiches consentir o teu corpo e, sobre todo, o teu padal, propoñémosche o restaurante España. Onde o cociñeiro Héctor López conseguiu unha calidade óptima nas súas exquisitas carnes outorgando os mellores coidados aos bois que cría na súa propia granxa, a cal poderás visitar. Tamén poderás renovar mente e corpo descubrindo novas paraxes ou gozando de tratamentos termais nunha contorna privilexiada.
Restaurante Nova
Restaurante Nova
Ourense
Esta experiencia levarache ás orixes do corazón da Ribeira Sacra a través dos sentidos. No restaurante Nova, Daniel Guzmán e Julio Sotomayor encargaranse de ofrecerche unha “cociña de raíces”, na que cada elaboración tenta plasmar unha base gastronómica herdada dos seus maiores, onde cada ingrediente suma. Despois de consentir o teu padal, regálalle á vista unha paisaxe espectacular desde os ceos ou consente a túa pel mediante balneoterapia.
Restaurante Culler de Pau
Restaurante Culler de Pau
O Grove, Pontevedra
Javier Olleros e o seu equipo busca espertar os sentidos e conectalos coas emocións, tan fácil e tan complicado como iso. Procúrano creando “experiencias gustativas” –así é como lles gusta denominalas–, cheas de matices, en aparencia efémeras pero perdurables na memoria culinaria. Ademais desta “terapia” gastronómica, poderás tamén desconectar a través dunha pequena escapada á Ría de Arousa ou bañarte nun balneario nun lugar emblemático de Galicia.
Restaurante Silabario-A Sede
Restaurante Silabario-A Sede
Vigo, Pontevedra
No restaurante de Alberto González Prelcic parten das bases da cociña tradicional, guisos pausados, brasas de leña de carballo, repostería artesá… e adaptan os pratos aos tempos actuais, utilizando as novas técnicas da cociña moderna e empapándose co bo que vén de fóra, collendo substancia, crecendo… Fan unha cociña eminentemente galega, influenciada por todo aquilo que nos rodea e nos enriquece. Se queres coidar o teu corpo co mesmo mimo que coidan os ingredientes en Silabario, poderás relaxarte nun balneario ou gozar facendo enoturismo.
Restaurante Bido
Restaurante Bido
A Coruña
Bido é o novo restaurante de Juan M. Crujeiras. O nome é unha das palabras que existen en galego para referirse ao bidueiro, que forma parte da decoración do restaurante.Situado no centro de A Coruña, a súa filosofía é a cociña “seria, próxima e baseada no produto e no sabor”. Ademais desta aventura para o padal, poderás explorar as illas menos coñecidas de Galicia, un auténtico paraíso natural case sen explorar polos turistas.
Restaurante A Tafona
Restaurante A Tafona
Santiago de Compostela, A Coruña
Non hai conceptos efémeros cando nos sentamos á mesa na Tafona, pero si moitos contrastes: un envoltorio de pedra cálida, luz e cor que nos arroupa cunha xentileza sólida, opostos que non o son tanto… porque aquí o pulso firme de Lucía Freitas remata pratos que emocionan, polo seu mimo e o seu extremo respecto ao produto. Poderás comprobalo na visita a Praza de Abastos da man da propia Lucía, para posteriormente levarnos ao seu restaurante e vivir unha experiencia única.
Restaurante Yayo Daporta
Restaurante Yayo Daporta
Cambados, Pontevedra
Cociña galega actualizada. Parten dos mellores produtos, prestando unha especial atención aos mariscos e aos peixes de tempada, aos que aplicamos as técnicas de cociña máis adecuadas sen perder de vista a tradición e acompañándoos cos viños da nosa contorna. Busca que a súa cociña identifique a súa situación, a súa orixe, Cambados, e transmitirllo así ao cliente cos seus pratos. Complementando ao padal, recomendámosche explorar Cambados na súa totalidade tanto por mar como por terra.
Restaurante Casa Solla
Restaurante Casa Solla
Poio, Pontevedra
Pepe Solla e o seu equipo séntense moi apegados ao seu territorio, á súa despensa. Ela é quen define os seus pratos e a imaxinación a súa maneira de cociñar. Pola súa forte conexión co mar e a súa admiración polas súas xentes, bautizaron menús con artes de pesca. Mais tamén séntense moi da terra; a horta é fundamental nas súas vidas e nunca esquecen que son de carne e óso. Poderás profundar nese amor polo mar surcando a ría de Pontevedra nun barco de vela ou na admiración pola terra visitando a arte rupestre en Campo Lameiro.
Restaurante Maruja Limón
Restaurante Maruja Limón
Vigo
A cociña de Rafa Centeo e Inés Abril baséase nos produtos de proximidade. A Ría, as súas raíces galegas, mestúrase con chiscadelas ao mundo, deixando entrever o seu espírito aventureiro. O resultado: unha proposta natural, próxima e sorprendente que ofrece unha visión fresca e limpa da gastronomía galega. Para profundar nas devanditas raíces, poderás surcar a ría de Vigo en veleiro ou relaxarte nas piscinas coas mellores vistas da cidade de Vigo.
Restaurante Paprica
Restaurante Paprica
Lugo
Se amas a natureza, chegaches ao restaurante idóneo. Ecoloxía, sustentabilidade e benestar animal é a filosofía do restaurante Paprica de Álvaro Villasante. Todas as verduras e froitas coas que traballan son ecolóxicas e do mercado local. Ademais, toda a carne que serven provén de granxas onde o respecto polo benestar animal é a norma. Coa mesma filosofía poderás gozar de actividades como tomar parte do día a día nunha aldea galega e aprender a elaborar queixos ou visitar a adega co primeiro viño ecolóxico certificado en plena Ribeira Sacra.
















































